O programa de Mentorado “Latexos pola Ciencia”
organizado polo Laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía do
IES Pedregal de Irimia de Meira (Lugo).
O principal obxectivo do programa é orientar na carreira investigadora ás rapazas e rapaces que se queiran dedicar á ciencia.


- 7 vantaxes vos pode aportar o programa de Mentorado “LatexospolaCiencia“
- 1. Coñecer as etapas da carreira investigadora
- 2. Entender en que consiste a elaboración dun proxecto científico
- 3. Guía e ligazóns con oportunidades para estadías de investigación
- 4. Cando e como buscar oportunidades para investigar
- 5. Participar nos Seminarios de Orientación á carreira científica
- 6. Contactar con investigadores/as e mentores de campos científicos específicos
- 7. Formar parte dun proxecto de investigación a distancia
PROGRAMA
Durante o bacharelato e o instituto son moitas as preguntas que se nos plantexan sobre cal sería a vía máis axeitada para encamiñar unha carreira científica. A investigación científica, o desenrolo e a innovación constitúen aspectos fundamentais para o progreso da sociedade e o crecemento da economía.
A carreira científica ten coma último obxectivo ampliar o coñecemento científico, pero existen varias rutas para chegar a esta meta. As etapas da carreira científica poden desenvolverse dentro do mundo académico, na empresa privada, en centros de investigación, ou en hospitais. A selección de algunha destas opción non é nada sinxela, e este programa procurará dar un enfoque das vantaxes e desvantaxes de cada unha delas.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
Este programa de mentorado está dirixido preferentemente a estudantes de IES Pedregral de Irimia de Meira (Lugo) (máis axeitado para 4º ESO, 1º BAC e 2º BAC) con inquietudes e interese pola investigación científica.
Quen queira informarse dos pasos a seguir e as oportunidades que se poden presentar en cada etapa da carreira investigadora dende a etapa no instituto ata dirixir o seu propio laboratorio, poderán solicitar información específica enchendo o cuestionario.
CONTACTO:
Se tedes algunha pregunta en particular podedes mandar un correo: svillapol@gmail.com
QUEN O COORDINA?
•A Dra. Sonia Villapol Salgado coordinará o programa e encargarase de dar resposta ós cuestionarios ou dirixir algúns deles a colegas de eidos científicos axeitados ás preguntas na solicitude.
•A profesora de Bioloxía, Sofía Carrascal Castro, e o profesor e director, Mario Outeiro Iglesias do IES Pedregal de Irimia axudarán a organizar as interaccións entre o alumnado e os mentores do programa.
•Intentaremos que os investigadores que forman parte das redes no estranxeiro, coma ECUSA nos EE.UU., poidan participar en dar resposta ás vosas inquietudes e cuestións.
OBXECTIVOS
O obxectivo principal deste programa é proporcionar información sobre diversos aspectos da carreira investigadora tanto en España coma no estranxeiro.
Para conseguir este obxectivo desenrolaranse distintos proxectos: seminarios, reunións individuais, ou manuais profesionais sobre as distintas etapas da carreira investigadora e as oportunidades ás que podedes recorrer en cada etapa.
Preguntas e respostas sobre o programa.
1. Como e cando xurdiu a idea de crear o mentorado Latexos pola ciencia?
A idea xurdiu o verán pasado cando dende o instituto decidiron poñerlle o meu nome ó seu Laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía. Esta é unha iniciativa estupenda do centro que consiste en nomear aulas con nomes de mulleres da contorna que tiveron certa repercusión en determinados eidos. Este recoñecemento ás traxectorias profesionais das mulleres pode aportar modelos a seguir ou en quen inspirarse. Durante a miña visita, dinlles ós estudantes unha charla e despois presenteilles a un grupo reducido que elixiran a especialidade de ciencias a idea de facer un programa de mentorado coma unha das actividades que sairían desa aula do Laboratorio. Saíume que tiña que facer algo máis que destapar a placa do laboratorio en sinal de agradecemento para compensar esta enorme honra. De certa maneira era unha débeda e un vínculo persoal co meu instituto, onde anos atrás medraron as miñas inquietudes científicas e onde comezou a miña formación. Propúxenlle esta idea ó director Mario, e pareceulle xenial. Decidimos poñelo en marcha no presente curso.
2. Por que ese nome?
Esta é unha historia moi curiosa, e tamén cunha pegada persoal. No ano 1994, cando eu era alumna, decidín crear unha revista no instituto onde escribíamos sobre literatura, educación, cultura, arte e tamén sobre ciencia. Como fundadora da revista, decidín chamarlle Latexos. Un “latexo” significa vida, e polo tanto, bioloxía. Pero o marabilloso é que durante todos estes anos, os profesores e os estudantes mantiveron o nome da revista e publicaron un número anual onde lembraban á fundadora. Latexos naceu e medrou no instituto, polo que fai que mereza esta homenaxe mantendo este nome e engadindo “pola ciencia” para este novo propósito.
3. Como foi o proceso de creación do mesmo?
Este programa vai dirixido principalmente ós estudantes do IES Pedregal de Irimia de Meira. Primeiro pensei na orientación e consellos sobre a carreira científica que me gustaría a min recibir cando era unha adolescente e estaba no instituto. Gustaríame que me houbesen explicado que significaba ser científica, que carreira escoller, cales serían os mellores pasos a seguir na carreira investigadora e que posibilidades había en cada etapa. Polo momento temos unha páxina con algunha información, latexospolaciencia.gal, propostos algúns seminarios cos que comezaremos, unha sección de bolsas para estadías, un video de presentación do programa e un cuestionario para o alumnado.
4. Resultoulle complexo?
Non, para nada. Deseñei estes puntos moi rápido porque son consciente do que podía ofrecerlles ós rapaces, e penso que a experiencia que gañei na miña traxectoria profesional pódelles ser útil a eles e o obxectivo principal deste programa é tentar servir de orientación no eido da carreira científica. Nos últimos 20 anos traballei en tres países distintos e estiven en máis dunha ducia de institucións académicas e centros de investigación de todo tipo, conseguín bolsas e logo contratos de traballo en investigación, e xa fai anos que dirixo o meu laboratorio. Penso que lles poido aportar moito, e non só eu. Se mo solicitan os estudantes, involucrarei a outros investigadores de outros campos de investigación que teñan unha mellor resposta a algunhas das súas cuestións. Pretendo establecer esta conexión e ensinarlles a facer “networking” ou establecer redes de contactos ,o que nos EE.UU. está moi ó día.
5. Como funciona agora mesmo Latexos pola ciencia?
Agora estamos na fase inicial de posta en contacto e presentar o programa de mentorado, que se pode considerar coma unha actividade extraacadémica. Unha vez establecida a presentación do programa quero saber cales son os intereses dos estudantes e logo seguimos a traballar neles. En función das súas respostas, comezaremos cos seminarios que eles elixiron e tentarei dar resposta ás súas preguntas. Este é o fundamento e os obxectivos deste programa de mentorado científico para quen realmente teña interese en recibir esta información. Tamén teño experiencia no asociacionismo entre os investigadores e son a presidenta da asociación de científicos españois nos EE.UU. no estado de Texas e arredores, o que me da vantaxe para ter moitos contactos de científicos que podería votar unha man nesta iniciativa. Achegareilles tamén da introdución da investigación científica dentro da formación académica nos institutos dos EE.UU. e que partes sería interesante tomar como exemplo. Isto é algo que me gustaría transmitir porque a miña filla maior é da mesma idade e podería ser interesante que compartira a súa experiencia nese sentido.
6. Tivo boa acollida entre os alumnos do centro?
Moi boa, tanto durante a miña visita coma a aceptación do programa. Cóntanme que lles parece unha iniciativa moi interesante e que teñen moitas dúbidas, tamén que lles encantaría coñecer a científicos para saber máis sobre o traballo que se realiza na investigación científica, e como poden facer estadías nos laboratorios ou un traballo de investigación a distancia. Tamén alguén me confesaba a súa interese pola medicina pero dende que eu visitei o centro a investigación espertoulle moita curiosidade e era agora unha opción. Véxome reflexada neles porque teñen inquietudes e dúbidas moi semellantes ás que tiña eu.
7. Que persoas están involucradas, xunto con vostede, no proxecto?
Sen dúbida a participación dos profesores é imprescindible, se non tivese o aval dos profesores, primeiro do director Mario Outeiro Iglesias que dende o primeiro momento lle pareceu unha boa idea, e tamén da profesora de Bioloxía, Sofía Carrascal Castro que me confesou que esta era unha oportunidade estupenda para a xente nova. Esta iniciativa non tería sentido se non contase co apoio do profesorado do instituto. O respaldo da equipa docente ó programa dálle máis credibilidade e os estudantes tómano máis en serio. Por outra parte, faleilles do programa a varios colegas e tamén participarán dando algunha charla ou participando nalgunha reunión cos alumnos.
O IES Pedregal de Irimia está á vangarda en tomar iniciativas deste tipo. O director Mario recibiu o premio educativo Innovagal polo seu valor didáctico a través de prácticas innovadoras no aproveitamento dos recursos do Medio Natural. Iso sumado á multitude de actividades que a rapazada ten a oportunidade de participar. Estou moi sorprendida por todo o que fan polo que estou segura que o Programa de “Latexos pola Ciencia” terá tamén unha moi boa acollida.
8. Cre vostede que unha iniciativa como esta lle houbera axudado cando era unha alumna con paixón pola ciencia?
Certamente, estou segura que non me esquecería dos consellos que houbese recibido. Intentaba preguntar cal era a maneira de ser científica, pero non atopaba respostas. Por sorte, recorrín ás biografías. Aínda que nunca se sabe o que pode ser transcendente na túa vida. Atópaste con xente que te inspira ou che esperta inquietudes, pero tamén con xente que te dá desánimo, que por outra parte tamén pode ser estimulante porque che axuda a superarte e a demostrar que estaban errados. Eu atopeime coas dúas situacións en moitas etapas da miña carreira, con xente que confía nas túas capacidades e xente que non, teño que confesar que tentei sacar proveito de ámbalas circunstancias.
9. Que tipo de mentorización se fai no proxecto?
Comezaremos compartindo información das etapas da carreira investigadora e outros proxectos, pero seguro que os adaptaremos e incorporaremos novas ideas, como vaian xurdindo. Propuxen unha serie de seminarios que impartiremos en relación co interese que os estudantes. Polo momento xa nos decidimos que o primeiro seminario será “que carreira elixir ó rematar o instituto”. Logo impartiremos seminarios informativos e algúns estudantes entrevistaranse con científicos.
10. Puxo xa en contacto a alumnos con máis científicos?
Non, de momento non. Depende moito do reclamo dos estudantes, e en función das respostas teño xa en mente unha bióloga e un informático que realizan investigación e participarán nun dos encontros cos estudantes.
11. Como ve vostede o interese pola ciencia dos alumnos do IES Pedregal de Irimia?
Si teñen moito interese pola investigación científica, cousa que me alegra moito. Teñen máis interese polas matemáticas, enxeñerías, bioloxía, ciencias da saúde e medicina ou veterinaria. Non é moi prematuro que se interesen pola investigación, aínda na etapa do bacharelato xa que por exemplo nos EE.UU. durante estes anos formativos a rapazada comeza a facer estadías nos laboratorios polos veráns e a participar en proxectos de investigación. Eu tiven varios estudantes de instituto traballando no meu laboratorio e foi unha experiencia moi positiva tanto para eles como para min.
12. Como espera que evolucione esta iniciativa?
Gustaríame que fose evolucionando para ser unha ferramenta útil que resolvese moitas dúbidas e servise de apoio aos estudantes. Tamén que máis científicas e científicos se involucrasen no programa de “Latexos pola Ciencia” e que perdurase, igual ou tanto coma a revista Latexos, anque 30 anos son moitos. Logo, encantaríame crear unha guía coa información recopilada para que estivese ó seu alcance.
13. Como de importante é brindar este tipo de apoio cara ao alumnado interesado na ciencia?
É importantísimo porque resulta fundamental para coller unha vía directa en moitos pasos a seguir, ou polo menos non empezar un camiño sen coñecelo. A investigación científica é unha carreira de fondo, e por elo, precisa coñecer o percorrido con claridade para non desvanecerse á metade sen alcanzar a meta. Pero sobre todo é importante que coñezan as oportunidades que existen, as bolsas que poden solicitar e os recursos dispoñibles na primeira etapa de contacto coa investigación.
14. Que opcións se lle van brindar aos alumnos á hora de investigar ou de asesorarse?
Como vai ser un grupo selecto, pretendo facer unha asesoría personalizada con cada un deles. Pero presentáronse algunhas vantaxes que iremos modificando acorde ás solicitudes e intereses do estudando do IES Pedregal de Irimia. Gustaríame que poidan coñecer as distintas etapas da carreira investigadora, entender en que consiste a elaboración dun proxecto científico, aportar ligazóns con oportunidades de estadías de investigación, ofrecer seminarios e orientación da carreira científica e establecer contacto entre a rapazada e outros científicos. Ademáis, voulles propoñer a quen o desexe e queira adicarlle algo máis de tempo, a participación nun proxecto de investigación á distancia.
15. Como queredes que sexa a evolución e o crecemento do mentorado?
Gustaríame que se culminara cunha guía que quedase para as próximas edicións e que se xuntaran un grupo considerado de mentores. A miña pretensión non é que medre o número de estudantes que participe no programa, senón que os que se unan teñan realmente interese e lles poida servir dun apoio fundamental no caso que desenvolvan unha carreira científica nun futuro. Se este programa serve de axuda só a unha futura científica ou científico que saia dese instituto, para min xa se vería compensada a súa creación.